Ourense Cidade

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, inaugura unhas xornadas sobre TDAH

Estas xornadas desenvolveranse os próximos 14 e 15 de decembro na no Campus de Ourense, e abordará o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade e os trastornos asociados desde o punto de vista sanitario, educativo e familiar.

ondacero.es

Madrid | 13.12.2018 09:34

Jesus Vazquez, alcalde de ourense
Jesus Vazquez, alcalde de ourense | La Voz de Galicia

A Fundación INGADA, organiza os próximos días 14 e 15 de decembro as xornadas ‘ TDAH e trastornos asociados: Unha abordaxe dende a sanidade, a familia e a educación’. Na inauguración destas xornadas participará o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, quen salienta “a importancia que supón para a nosa cidade e o noso Campus albergar xornadas multidisciplinares de altísimo valor científico que nos sitúa á vangarda deste tipo de iniciativas”.

As xornadas desenvolveranse no salón Marie Curie da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico do Campus de Ourense), e teñen como obxectivo proporcionar un maior coñecemento sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade ( TDAH) e os posibles trastornos asociados, trastornos que afectan a un 5-8% da poboación infantoxuvenil, e que se manteñen na etapa adulta nun 30% dos casos, constituíndo unha das principais causas de fracaso escolar e que supoñen, ademais, unha afectación importante nos ámbitos social e familiar. Con estas Xornadas téntase crear unha sinerxia entre os ámbitos educativo, sanitario e familiar das persoas que padecen este tipo de patoloxías.

Así, con este obxectivo preténdese ofrecer a todos os asistentes información baseada na evidencia científica que axude a detectar e comprender mellor o TDAH. Para iso, a Fundación INGADA pechou unha dobre xornada que ocupará a tarde do venres 14 e todo o sábado 15 cun notable cadro de relatores.

O alcalde Ourense, Jesús Vázquez Abad, abrirá as xornadas o venres 14, xunto a outras autoridades ás 16:30, dando paso ao neuropsicólogo vasco Ibán Onandía Inchado e á psicóloga ourensá Celia Domínguez Mondragón serán os encargados dos relatorios ata as 20.00 horas, cando se falará sobre o cerebro, funcións executivas e TDAH, e o papel da familia na intervención do TDAH e os trastornos asociados, respectivamente.

A xornada do sábado 15, que comezará ás 10.00 horas e acabará ás 18.30 horas, abriraa o prestixioso profesor Anxo Carracedo Álvarez, investigador e experto en xenética, ademais de presidente da Fundación Ingada, que abordará a xenética do TDAH e outros trastornos asociados. Jesús Eirís Puñal, neuropediatra, será quen peche a mañá falando dos trastornos asociados ao TDAH e o diagnóstico diferencial.

A José Ramón Gamo Rodríguez, especialista en audición e linguaxe, e á psicopedagoga Elena Gayo Álvarez corresponderalles pechar as xornadas en horario de tarde falando de neuroeducación e dos trastornos de aprendizaxe (dislexia, disgrafía e discalculia), respectivamente.

O prazo de inscrición para estas xornadas pecharase mañá, 13 de decembro, e todos os interesados poden poñerse en contacto coa Fundación Ingada a través dos teléfonos 722 521 381/881 088 223 ou a dirección de correo electrónico info@fundacioningada.net para informarse do custo da asistencia, ou ben acceder directamente á súa web www.fundacioningada.net, e na pestana Escola Ingada acceder ao apartado das xornadas e encher a ficha de incscripción.

A Fundación Ingada conta co apoio do Hospital Cosaga e da Fundación Neuroburgas para a celebración destas xornadas, nas que tamén colabora o Concello de Ourense e a Deputación Provincial.